A mesa do feet
A edición como campo aberto de expresión Día: sábado, 4 de decembro Hora: 11.00 h Lugar: A Casa das Campás Entrada libre
Participan:
Pepe Barro, deseñador galego con máis de trinta anos de profesión ás costas e membro da Asociación Galega de Deseñadores. Ao fronte do seu estudio Grupo Revisión Deseño leva desenvolvendo traballos de deseño editorial coma o do semanario A Nosa Terra, 1977; O Diario de Galicia, 1987; a revista Tempos, 1996, e publicacións de Turgalicia entre 2001 e 2004. Entre os diversos premios que recibiu figuran o Premio Xerais á cooperación editorial en 2000, o Premio letra 2002 (SIGN-IFEMA) e o Premio AEPD de deseño en 2006.
Manuel Bragado (Vigo, 1959) Licenciouse en Ciencias da Educación na Universidade de Santiago de Compostela e durante anos exerceu a docencia como mestre de educación infantil e primaria. Foi presidente da asociación pedagóxica Nova Escola Galega (1986-88) e director da Revista Galega de Educación (1986-2000). Na actualidade é o director de Edicións Xerais, cargo que tamén compatibiliza co de presidente da Asociación Galega de Editores. Ademais, dá clases no Máster de edición da Universidade de Santiago de Compostela e de Vigo, e colabora con distintos medios de comunicación: a Radio Galega, Xornal.com... e o Faro de Vigo, onde mantén unha columna semanal desde hai anos. Por último, non podemos deixar de mencionar a súa faceta de conferenciante e de blogueiro, cunha bitácora, Brétemas, que xa se converteu nun referente dentro da blogoesfera galega e desde a que realiza un seguimento de temas editoriais, literarios e políticos de actualidade.
Pedro Nora da editora Braço de Ferro Estudou na Academia de Belas Artes do Porto e desde 2007, este deseñador gráfico xunto coa artista Isabel Carvalho coordina o proxecto editorial independente e autosustentado que leva por nome Braço de Ferro. Os editores de Braço de Ferro ven no libro unha forma de acción pública (pública-acción) e política, que debe potenciar a reflexión e o enriquecemento do lector e proporcionar unha alternativa aos medios establecidos de transmisión do coñecemento. As súas opcións editoriais, artísticas e formais resultan do estreito diálogo entre eles e os autores de cada proxecto, e desenvólvense nunha esfera de experimentación e de cuestionamento ao redor do libro.
Algunhas das súas obras pódense visitar na exposición do feet, como por exemplo: Girls are dreaming about enormous machines, Lebre um / O feio como reinvenção, s/he is her/e, Impossuível, A economia do Artista... e así ata completar un total de quince títulos.
Tati Mancebo (A Coruña, 1969) É licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Como poeta publicou un libro individual, Na hora redonda, e tamén participou en numerosas publicacións colectivas en Galicia e Portugal e en recitais poéticos. Ten experiencia como tradutora de guións de cine O Bosque animado e de poesía inglesa, irlandesa e estadounidense para revistas e medios electrónicos. Desde hai tempo traballa como consultora cultural na rede. Forma parte do equipo de Algueirada, unha empresa de xestión cultural que está detrás de comunidades como Blogaliza ou do proxecto musical AcoruñaSon. Tamén son formadores en TIC da Fundación Amancio Ortega e constrúen espazos para escritores: Xavier Alcalá, Pepe Cáccamo, Suso de Toro ou Manuel Rivas están entre os seus clientes. Alén do seu labor en Algueirada, Tati Mancebo colabora no blog de crítica literaria O levantador de minas, e ten blog e twitter de seu, centrados no libro e a literatura dixitais.
Ángel Cerviño (Lugo, 1956) É escritor, artista visual e comisario de exposicións. Ten publicados varios libros, Kamasutra para Hansel y Gretel, El ave Fénix sólo caga canela, co que gañou o XV Premio de Poesía Cidade de Mérida, Teleprompter, e numerosos textos críticos sobre as novas prácticas artísticas e a crecente tendencia á espectacularización da industria cultural, en revistas, catálogos e publicacións de arte contemporánea. Ángel Cerviño foi membro do Consello editorial da revista SINAL (órgano de expresión da Asociación Galega de Artistas Visuais) e ten participado en diversos proxectos editoriais, entre outros: Proxecto edición (CGAC, Santiago de Compostela, 2006), Fragmentos de cultura contemporánea (Vigo, 2007 – 2008). Ademais, mantén vivo na rede un blog, Turbulencias, sobre arte e literatura.
Nuno Coelho (Bruxelas, 1971) Está licenciado en Deseño e Comunicación/ Arte Gráfica pola Facultade de Belas Artes do Porto, e durante a súa etapa universitaria tamén cursou estudos na Escola de Artes Plásticas e Visuais de Mons/Bergen (Bélxica) como bolseiro Erasmus. Ten un Máster en deseño e produción gráfica pola Universidade Barcelona e é doutorando en Arte Contemporánea. Na actualidade imparte aulas na Licenciatura e no Mestrado en design e multimedia da Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade de Coimbra e como deseñador freelance desenvolve traballos para diversas institucións en Portugal, Alemaña, España, Noruega, Palestina e O Reino Unido. Organizou as exposicións “Uma terra sem gente para gente sem terra” e “Undesign”, entre outras, e tamén participou en diversas exposicións colectivas en Portugal, Alemaña, Austria, España, como “Timeless”, unha exposición que formou parte da programación de Experimenta Design Lisboa en 2009. Con Adam Kershaw, Nuno Coelho publicou Uma terra sem gente para gente sem terra - Um livro de colorir sobre a Palestina, libro que presentou onte no feet.
Título: A edición como campo aberto de expresión Día: sábado, 4 de decembro Hora: 11.00 h Lugar: A Casa das Campás Entrada libre

