Menu
  • Acerca da DAG
  • Novas
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
6 de novembro 2024

2 días para «Coidar o deseño» en Cuenca

O 12 ENAD tivo lugar en Cuenca, sede da presidencia de READ, baixo o lema «Deseño dos coidados, coidados do deseño». A delegación galega de DAG, formada por cinco persoas, participou de manera activa de todas as actividades grazas ao apoio de Gain.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Fotografía: Alberto Férriz

Os pasados 18 e 19 de outubro celebrouse o 12 ENAD organizado por READ e Cuenca Diseño poñendo o foco no deseño para o coidado do planeta, das persoas e das súas relación​s, dos medios de vida… e para coidar tamén o propio deseño, o sector.

O relatorio inaugural correu a cargo de Amalio Rey que convidou a reflexionar sobre a importancia da intelixencia colectiva e o traballo colaborativo para a creación de solucións sostibles e significativas presentando a súa metodoloxía para a práctica diaria do deseño. A xornada continuou coa primeira das mesas de debate, moderada por Juan Lázaro, presidente de READ, na que se abordou o deseño inclusivo coa presentación de iniciativas de deseño centrado nas persoas no eido sanitario, así como a co-creación de produtos de apoio para aumentar a autonomía de persoas con diversidade funcional mediante tecnoloxías de fabricación aberta e de libre acceso.

Na segunda das conversas, moderada pola nosa socia Uqui Permui, expuxéronse proxectos como Saccord, que fomenta a colaboración entre as industrias culturais e creativas (ICC) en Europa, tendendo pontes entre a innovación e a ética no deseño. Tamén se destacou o Pact for Skills como referente para fortalecer as habilidades e competencias nas ICC. E no terceiro dos debates, conducido por Sergio Sánchez (DICA) explorouse o deseño como práctica comprometida fondamente co benestar colectivo e ferramenta para o coidado.

As mesas de traballo do ENAD foron unha vez máis o punto de encontro para os grupos que durante todo o ano traballan sobre distintos eidos do deseño. As conclusións definitivas estarán dispoñibles na web nas próximas semanas:

  • O grupo de Boas Prácticas abordou cuestións relacionadas coa Intelixencia Artificial e a perspectiva deontolóxica profesional.
  • O grupo GEN traballou no testeo dun artefacto lúdico que introduce a perspectiva de xénero na práctica do deseño; unha ferramenta para a toma de conciencia e posicionamento respecto dos principios éticos de equidade, sustentabilidade ou accesibilidade, entendidos como elementos consustanciais á práctica do deseño.
  • Na mesa de inclusión propúxose a xeración de briefings de deseño inclusivo para dar resposta ás necesidades persoais formuladas por persoas con discapacidade e a súa contorna co obxectivo de mellorar o seu día a día.
  • A innovación como unha das claves do éxito na formación en deseño foi o eixo da mesa de traballo de Educación e Deseño, que abordou os cambios metodolóxicos e renovación de plans curriculares e marcos formativos vinculados á investigación e á transferencia de coñecemento ás empresas e á sociedade en xeral.

Fotografía: Alberto Férriz

Durante o ENAD tamén houbo tempo para a presentación de proxectos como DIVERS+S Lab, de Cuenca Diseño, a cargo Jorge Sánchez e Juan Lázaro e o proxecto AR\DE de DAG xunto co programa Diferenza da man de Samuel Baltar e Irene García DAG (Galicia). Ademais o programa incluí​u un espazo para estudantes de deseño.

O relatorio de clausura, da man de Christina Melander, presidenta BEDA e directora de programas do Instituto Danés de Diseño, convidou a repensar o deseño como poderosa ferramenta para afrontar os desafíos globais, de como os/as diseñadores/as poden e deben asumir o rol activo na creación dun futuro máis inclusivo e consciente, motivándonos a ollar máis aló do estético e a comprometernos co impacto que temos no mundo, recordándonos a importancia de ter a coraxe de deseñar ben.

Os ENADs son espazos para a divulgación, o debate, a posta en común sobre distintas áreas do deseño e contan coa participación de todas as asociacións que conforman READ, entidades amigas do sector público e privado, social e académico, así como profesionais de diferentes disciplinas que xiran arredor do deseño.

A participación das personas representantes de DAG este ano foi posible gracias ao apoio da Xunta de Galicia a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.

Web do 12 ENAD
Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar) Corredoira das Fraguas, 92 15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421 Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

É membro da

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.