A Coruña énchese de deseño coa Galicia Design Week 2022
Durante os meses de xuño e xullo A Coruña será a sede da GDW22, un evento que ofrece conferencias, presentacións de proxectos, exposicións, roteiros, gastronomía, obradoiros e revisións de portafolios, nun formato híbrido con clara intención de achegar o deseño ao público xeral da man de profesionais do sector.

A Galicia Design Week ofrece programación en catro eixos diferenciados: o Pro, con catro días de conferencias e presentacións; o Showcase, que inclúe tres exposicións dedicadas ao deseño; o Showroom, un escaparate dixital de creacións galegas e un roteiro por estudios e espazos de deseño da Coruña; e o Camp, con catro obradoiros e revisión de portafolios.
Nas conversas Pro do venres 24 e do sábado 25 participan 9 profesionais galegos mesturados con 5 referentes nacionais. O público poderá gozar dos traballos e da experiencia de, entre outros, Kike Besada, Realmente Bravo, Óscar Germade e extratype, Verónica Bello de Designit, Estefanía Casal, Lucía Freitas, Laura Delgado e Idoia Cuesta, ou a nosa compañeira Uqui Permui.
O domingo 26, a xornada está protagonizada pola DAG. Pola mañá falaremos dos proxectos nos que estivemos inmersos estes últimos meses, como o Estudo da Economía do Deseño en Galicia, e tamén dos novos nos que estamos a traballar, como o 10ENAD que terá lugar en Pontevedra o 21 e 22 de outubro. Pola tarde, daremos paso á presentación de traballos de asociadas e contaremos con Adrián Parcero de Guillotina Estudio, coa deseñadora dixital Begoña Pastoriza, con Alberto Rodríguez e o seu proxecto A marca compostela, e Thais Suárez da axencia creativa Sísmica.
O mércores 29, Gain organiza o Encontro de Deseño para a Innovación no CIS Ferrol, con motivo da celebración do Día Internacional do Deseño Industrial. Este ano centrará o contido en tres temas de gran relevancia: futuro dixital e desenvolvemento sustentable, o rural como motor empresarial e de innovación, e a economía circular e creativa. Para asistir de xeito presencial hai que confirmar asistencia xa que o aforo está limitado, mais tamén se poderá seguir en liña. Haberá autobuses desde A Coruña para asistir.
Desde o venres 24 ata o 17 de xullo, a cidadanía poderá visitar os tres espazos expositivos Showcase: «O mellor deseño do ano» e «O futuro deseño galego» no Palexco, e «O novo deseño galego» na Praza de Pontevedra. Ademais o 30 de xuño está prevista unha visita guiada polas tres exposicións que se complementa coa presentación do libro _Vivir del diseñ_o de Ana Gea.
Do venres 24 ao xoves 30 de xuño, organízase o Showroom, un escaparate dixital de creacións de deseño galego e unha serie de visitas a estudios e espazos de deseño da cidade. E entre o luns 27 e o venres 30 de xuño, no estudio Follow, o Camp, ofrecerá unha serie de obradoiros especializados dirixidos a estudantes avanzados e profesionais. Os talleres versan sobre deseño de produto, branding, paixasismo e emisión en streaming.
A sede principal da GDW será o estudio Follow aínda que gran parte da programación se poderá seguir vía streaming. As entradas son de balde e é preciso inscrición previa a través da plataforma DICE.