A navalla suíza nominada aos Premios Mestre Mateo por Eufalo.tv
Dous anos despois de gañar o Premio Mestre Mateo á Mellor Obra Interactiva con Flocos.tv, A navalla suíza repite nominación.
Desta volta por Eufalo.tv, un documental colaborativo que, utilizando o vídeo como ferramenta fundamental, busca construír unha historia sobre o galego a partir de vivencias e experiencias contadas polos seus falantes. Os outros nominados nesta categoría son Perro Verde Films, Milrayas e a editorial Galaxia por Contoplanet, Galegolab por Galegolab e Continental Producciones, editorial Galaxia e Moonbite Games por O soldadiño de chumbo, un conto interactivo para IPAD. Os gañadores desta edición desvelaranse o vindeiro domingo, 17 de abril, nunha gala conducida polo actor Xosé Antón Touriñán e a xornalista Belén Regueira, e que comezará ás nove da noite no Auditorio Municipal de Ourense.
