Menu
  • Acerca da DAG
  • Novas
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
4 de maio 2022

Convócanse os III Premios Galicia de Innovación e Deseño

A Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a terceira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño para recoñecer o labor das persoas e empresas que están a contribuír significativamente ao desenvolvememento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño. O plazo de inscrición de candidaturas está aberto ata o 4 de xullo.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Con estes galardóns búscase destacar as mellores prácticas para que sirvan de exemplo a todo o tecido empresarial galego, poñendo de relevo como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.

O certame conta con seis categorías, das que tres están especificamente dirixidas a recoñecer a profesionais e empresas que contribúen de maneira relevante á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño a súa ​estratexia empresarial durante unha década como mínimo, e un terceiro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

As outras tres categorías recoñecen a persoas e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento no mercado. A categoría de traxectoria innovadora recoñece a profesionais e líderes empresariais cunha experiencia de polo menos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. As categorías de grande empresa e pemes distinguen a compañías cunha actividade innovadora destacada de polo menos dez e cinco anos, respectivamente.

Os premios á traxectoria innovadora e á​ grande empresa no apartado de innovación e á empresa no apartado de deseño teñen carácter honorífico, mentres que os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.

Entre os criterios de avaliación, o xurado das categorías de innovación terá en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. O xurado dos galardóns de deseño valorará a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos proxectos de deseño.

Estes foron os aspectos nos que destacaron as persoas e empresas galardoadas nas ​edicións anteriores deste certame. No apartado de deseño foron recoñecidos os nosos socios Ricardo Tubío e Xabier Rilo de Cenlitrosmetrocadrado e Suso Vázquez e Cibrán Rico de​ ​Desescribir (profesionais), Eva Yarza e Damián Calvo (talento emerxente) e Televés e TMC Cancela (empresas). No de innovación os premiados foron Francisco Guitián e Fernando Pérez (traxectoria innovadora), Marine Instruments e GalChimia (pemes) e Cupa Innovación e Congalsa (grandes empresas).

Bases da convocatoria
Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar) Corredoira das Fraguas, 92 15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421 Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

É membro da

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.