Novas

Daniel Vila do estudio 988 únese á DAG

E, como a cada novo socio que chega á asociación, pedímoslle que se presentase para que todos poidades coñecelo un pouco mellor. Isto é o que nos contou.

Ola a todos!

Chámome Daniel Vila e, coma moitos de vós, son deseñador gráfico.

Estudei na EASD Antonio Faílde, onde me graduei no 2009. Trala miña experiencia académica estiven traballando como freelance ata o 2016, ano no que xunto a Andrés e Iago Nóvoa fundo 988, un estudio ourensán especializado en Deseño e Arquitectura.

Dende o noso espazo traballamos tódolos días a reo utilizando como ferramentas o deseño estratéxico, a cultura do proxecto e a nosa vocación multidisciplinar co fin de arranxar problemas e construír entendemento entre diferentes comunidades dentro do contexto global no que vivimos.

Cremos na necesidade dunha DAG forte que integre, dignifique e defenda os intereses comúns a tódolos deseñadores galegos e no seu rol de promotora do Deseño como actor económico estratéxico e comprometido coa sustentabilidade social e ecolóxica.

Así pois, espero poder contribuír a este obxectivo, ter a oportunidade de xerar novas amizades e achegar e compartir experiencias co resto dos socios.

É un pracer formar parte da DAG.