O deseño de mobiliario infantil de cucuducho recibe un A’ Design Award
A marca galega cucuducho acaba de recibir o recoñecemento do xurado internacional nos prestixiosos A’ Design Award polo deseño do seu escritorio dobre maijom.


Escritorio maijon deseñado por Lois Guillán para cucuducho
Os premios anuais A’ Design Award destacan o traballo desenvolvido en deseño de produto e sevizos, entre outros. Estes galardóns, moi ben considerados no sector, contan con un alto índice de participación de profesionais, estudios e marcas de distintas partes do mundo. Este ano atopamos deseño galego entre os nomes dos proxectos gañadores. O noso socio Lois Guillán co deseño do escritorio maijon conseguiu un premio de prata na categoría de mobiliario infantil. Todos os deseños premiados estarán incluídos no anuario de creatividade e deseño Yearbook of Best Designs, que se publicará proximamente. O deseño galego segue a sumr proxectos á súa conta particular nestes premios. En edicións anteriores atopamos nomes como FrutoDS, co seu colector Big.Bin, en 2013 ou Wood Feelings en 2017. Esta é sen dúbida unha gran noticia para o deseño galego que recibe o recoñecemento ao seu bo facer.
O proxecto cucuducho, creado en 2015, aposta por unha filosofía de traballo na que o deseño, a cultura e os valores se unen para promover o consumo responsable e a fabricación local. A marca, especializada na creación e venda de produtos infantís (mobiliario e obxectos decorativos), pon o foco nun deseño coidado e nunha exhaustiva selección de materiais, fomentando a sostibilidade dos recursos.