Novas

Desoños, Coma e Xose García premiados nos Anuaria 2022

A XXIX edición dos Premios Anuaria publica a súa selección e os premiados do ano 2022, con cinco creacións de socias e socios de DAG.

O estudio Desoños lévase un Premio Anuaria de Ouro á mellor tipografía por Vieira Font para Pepe Vieira, creada en colaboración co noso tamén​ ​socio Marcos Dopico. A tipografía aporta identidade á experiencia gastronómica Pepe Vieira e está inspirada nas inscripcións do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Ademais, o programa de identidade, inspirado en mitos e lendas galegas, recibiu unha Selección Anuaria.

Por outro lado, un terceiro traballo de Desoños, o deseño da identidade de Artesa, provedor de produtos de alimentación especializado en clientes de alta cociña,​ recibe outra Selección Anuaria.

Pola súa banda, o estudio Coma Comunicación Creativa, do socio Carlos El Rojo, recibiu unha Selección Anuaria polo cartel das Festas da Ascensión realizado para o Concello de Santiago de Compostela en 2022. Para o deseño traballaron unha mensaxe literal na que a letra «i» inicia a súa ascensión aos ceos composteláns deixando un ronsel de festa.

A cubertería DIVO, creada por Xosé García de Piedrapapeltijera, como Traballo Fin de Grao para a escola EASD Mestre Mateo en Galicia, recibe un Anuaria de Oro nesa categoría. O proxecto completo abarca as disciplinas de deseño de produto, deseño de identidade, deseño de envases e deseño dixital.

Os Premios Anuaria son de ámbito nacional e para o xurado a organización​ ​conta con representantes das diferentes organizacións profesionais. Este ano, e como vén sendo habitual a colaboración, María Agra participou como representante de DAG.