Menu
  • Acerca da DAG
  • Novas
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
noticias socios/socias
27 de novembro 2018

E os premiados son...

O pasado venres 23 de novembro, nunha gala que tivo lugar en Expourense, facíase pública a lista de profesionais premiados na terceira edición dos Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia que organiza o Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Entre todos os galardoados, como non podía ser doutro xeito, temos que destacar a presenza de socios da DAG nas distintas categorías, algúns deles premiados por segundo ano consecutivo: desoños, desescribir e por terceiro, no caso de cenlitrosmetrocadrado.

A seguir, reproducimos a nómina completa dos proxectos distinguidos cun premio:

Premio ao mellor deseño dixital: sitio web do restaurante Pepe Vieira

Desoños foi o estudio encargado do deseño e maquetación tanto do sitio web como das cartas do restaurante de Pepe Vieira. En palabras dos deseñadores, o punto de partida para desenvolver a web e mais as cartas do restaurante foi a cociña do propio Pepe, que é auténtica, racial e chea de significado. Vai máis alá do culinario e conta unha historia con cada prato. Trátase dunha experiencia única que permite descubrir Galicia e as súas orixes a través da súa proposta gastronómica creativa. O seu traballo tratou simplemente de ser fiel e transmitir ese espírito.

Premio ao mellor deseño gráfico: identidade gráfica da Fundación Arquitectura y Sociedad

Neste caso, trátase dun traballo de desescribir. Os dous deseñadores Suso Vázquez e Cibrán Rico explican que a Fundación Arquitectura y Sociedad é unha entidade con sede en Pamplona e Madrid que ten como obxectivo principal a difusión da cultura arquitectónica como un ámbito intimamente ligado á vida en sociedade. A día de hoxe é unha das principais promotoras de debate e reflexión arquitectónica a nivel estatal e internacional. O seu traballo consistiu en renovar a súa identidade gráfica e en propor sistemas gráficos para as múltiplas actividades que organizan en paralelo: talleres e workshops, Máster universitario, congresos internacionais, etc. Un detalle a salientar é que para esta identidade da Fundación e os sistemas gráficos para as diferentes actividades que promove, empregaron a tipografía Mais Grotesk de Marcos Dopico.

Premio ao mellor deseño industrial: Natur Hall, espazo expositivo para rechapados de madeira natural

O deseño deste espazo foi realizado por cenlitrosmetrocadrado para Finsa. Ricardo Tubío e Xabier Rilo contan que a sección de rechapados con lámina de madeira natural de Finsa se encontra na factoría de Padrón, a máis antiga en funcionamento. Natur Hall naceu como un espazo ao servizo da chapa de madeira natural e do proceso de rechapado que ten como finalidade conectar todos os axentes implicados para aproveitar así as posíbeis sinerxías. Construíuse aproveitando unha estrutura metálica en desuso sobre a que se pendura un teito que á súa vez suxeita o cerramento de vidro. O obxectivo era crear unha pel o máis leve e neutra posíbel, que lles permitise acondicionar un espazo sen perder o contacto co que está a pasar fóra.

Dentro, unha grande mesa central proporciona orde á composición e serve de soporte a todas as accións que alí conviven. Esta mesa aproveita unha antiga ponte grúa como sistema de elevación, de xeito que se consegue de forma rápida e cómoda liberar todo o espazo.

No perímetro disponse unha celosía de lamas verticais penduradas do teito que teñen unha dobre función: por un lado controlar a visión e a entrada de luz do exterior e por outro servir de soporte de exposición do propio produto.

Premio ao mellor libro: Drift Miradas cruzadas entre diseño y arte contemporáneo

A obra, con deseño de Cristina Moralejo (DARDO) e impresa por Gráficas Anduriña, editouse con motivo da exposición homónima celebrada no Museo de Arte Contemporánea Naturgy da Coruña.

O ensaio está escrito por David Barro e trata sobre como a arte contemporánea e o deseño habitan nun lugar común. A intención da publicación é camiñar pola historia do deseño á vez que expor outras visións da historia da arte en función da relación de ambas as disciplinas nas que os seus límites son cada vez máis borrosos

O resultado é un volume que garda un ton uniforme a pesar da diversidade de fontes das que proceden as imaxes. A gráfica da portada expándese desde o “D” e marca o propio formato do libro que, cuns cortes a 45º, convértese así mesmo nun “D”.

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar) Corredoira das Fraguas, 92 15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421 Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

É membro da

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.