Nace Corazón da Artesanía, o I Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia
Os Pendellos en Agolada acollerán entre o 6 e 8 de xullo de 2012 Corazón da Artesanía, o I Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. O encontro, que se celebra nun dos recintos feirais de orixe medieval mellor conservados, está concibido como unha feira sobre os oficios artesanais e a cultura tradicional. Alí estarán representados moitos dos oficios: a olaría, os instrumentos musicais, a forxa, o téxtil tradicional, o coiro, a elaboración de zocos, a cestaría, etc., poderanse degustar e comprar produtos de agricultura ecolóxica, conservas artesanais, augardentes e licores... e visitar as exposicións temáticas e demostracións dos artesáns e artesás.
Ademais da feira, o programa inclúe unha conferencia e mais un obradoiro a cargo do deseñador Martín Azúa. A conferencia, que leva por título: Artesanía-deseño, unha historia para contar, celebrarase o 6 de xullo na sala multidisciplinar do Encontro. No caso do obradoiro Procesos compartidos, as datas previstas para a súa realización son o 7 e 8 de xullo e ofértanse 30 prazas. O obradoiro está dirixido a artesáns, deseñadores e arquitectos e, nel, Martín Azúa centrarase en dous dos oficios tradicionais: o torneado en madeira e a cerámica.
A inscrición no obradoiro ten un custo de 60 euros e pode facerse a través da páxina web artesaniadegalicia.org na sección de Actualidade > Formación
