Menu
  • Acerca da DAG
  • Novas
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
noticias socios/socias
14 de outubro 2024

O Premio da Cultura Galega 2024 na categoría de artes visuais recae no deseñador Pepe Barro

Na comunidade do deseño celebramos o recoñecemento ao compañeiro Pepe Barro nestes galardóns cos que anualmente a Xunta de Galicia distingue proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural galega.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Fotografía: Xan Piñón

O pasado venres 11 de outubro facíanse públicos os nomes das persoas e entidades premiadas nas oito modalidades e xunto con Barro (Artes Visuais), recibían a distinción: Manuel Lourenzo (Letras), Marta Pazos (Artes Escénicas), Joaquín Martínez (Música), Ficción Producións (Audiovisual), Julia Díaz (Lingua), Xosé Manuel González (Patrimonio Cultural) e o Real Club Celta de Vigo (Proxección Exterior).

O perfil profesional deste pioneiro do deseño en Galicia destaca por proxectos vencellados ao eido cultural que ademais reflicten o seu compromiso co país; desde as musealizacións da Casa de Rosalía, a Casa-Museo de Manuel Antonio ou a do Museo Ramón Cabanillas, pasando por exposicións como «Galicia 100» ou «Con-fío en Galicia», sen esquecer o seu traballo de deseño editorial no semanario A Nosa Terra ou a cabeceira de Nós Diario.

Do seu estudio compartido con Lía Santana e Xosé Salgado, Grupo Revisión (1985-2013), saíron identidades como a da Universidade da Coruña ou Turgalicia, o deseño da revista Tempos Novos, a camiseta da selección galega de fútbol ou a web da Real Academia Galega… todo un universo visual que forma parte do imaxinario colectivo galego.

Reseñable tamén a súa faceta como historiador do deseño e o labor de divulgación que realiza desde a súa columna en Sermos, artigos noutras publicacións, faladoiros e exposicións.

Vaian os nosos parabéns para Pepe Barro, unidos á satisfacción do sector de ver recoñecido o valor cultural do traballo que desenvolvemos desde as distintas disciplinas do deseño.

Máis información
Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar) Corredoira das Fraguas, 92 15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421 Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

É membro da

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.