Novas

Os II Premios Galicia de Innovación e Deseño xa teñen gañadores

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) otorgou o luns 24 de xaneiro os galardóns da segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. Desescribir gañou o premio na categoría Profesionais de Deseño.

Unhas distincións creadas no 2020, que buscan recoñecer a labor das persoas e empresas galegas que son referentes no desenvolvemento económico e social da nosa comunidade mediante a innovación e o deseño, e supón o recoñecemento do valor da nosa profesión, contribuíndo á súa visibilización como factor estratéxico.

A cerimonia foi presencial, mais igual que o ano pasado, tamén foi retransmitida en directo a través da canle de Youtube do Programa Deseño para a Innovación.

Os gañadores foron:

Categoría de Innovación:

  • Pequeña e mediana empresa: GalChimia.
  • Grande empresa: Congalsa.
  • Traxectoria innovadora: Fernando Pérez.

Categoría de Deseño:

  • Profesionais: Desescribir.
  • Deseñadores/as mozos/as: Damián Calvo.
  • Empresas: TMC Cancela.

O xurado estivo integrado por profesionais de recoñecido prestixio encargados de seleccionar as candidaturas finalistas das dúas categorías principais e as súas subcategorías. Na categoría de Innovación foron xurados Teresa Mariño, Alberto Barreiro, Ana J. Varela e Jorge Barrero. O xurado na categoría Deseño estivo conformado por Irene García, Xosé Luís Reza, Coca Rivas e David Barro.

Parabéns a todos e todas as premiadas e en especial aos compañeiros de Desescribir, Cibrán Rico e Suso Vázquez. Facemos mención tamén aos socios David Silvosa e Daniel Bembibre do estudio Costa que foron finalistas na categoría de profesionais.