Ostalgia de desescribir, premiada na categoría de deseño de libro nos D&AD awards
Esta semana facíase pública a listaxe de premiados nos D&AD awards, uns prestixiosos galardóns cos que cada ano a D&AD recoñece aqueles proxectos que sobresaen pola súa creatividade, orixinalidade, excelencia técnica e innovación no deseño e a publicidade.
Cada ano son miles os aspirantes que presentan a concurso os seus traballos, mais só uns poucos acadan o privilexio de formar parte da nómina de premiados por esta organización benéfica e educativa sen ánimo de lucro que alá por 1962 crearan un grupo de deseñadores e directores artísticos londinienses entre os que se encontraban David Bailey, Terence Donovan ou Alan Fletche. Pero o que converte esta edición en especial para o deseño galego é que, entre eses poucos afortunados, temos a dous compañeiros: Jesús Vázquez e Cibrán Rico (desescribir), quen resultaron premiados na categoría de deseño de libro por Ostalgia, unha das primeiras obras editadas baixo o selo de Fabulatorio, o proxecto editorial que ámbolos dous botaron a andar na primavera de 2012. Moitos parabéns socios!
