Menu
  • Acerca da DAG
  • Novas
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
5 de xaneiro 2012

"Porque me deu a gana" Tributo a Isaac Díaz Pardo

Nunha das súas últimas aparicións públicas, co gallo do recoñecemento como Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, a presentadora do acto preguntoulle a Isaac polas razóns da súa coñecida renuncia á pintura e a conseguinte aposta persoal pola dimensión social do deseño. A súa resposta foi: "Porque me deu a gana". Nesa contestación encérrase sen dúbida parte da súa inmensa contribución ao noso país.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Claro é que detrás desa decisión hai un moito de reflexión lúcida, responsabilidade, compromiso social e renuncia persoal ás bondades vitais que a súa vida como artista plástico semellaba ofrecerlle naquel momento.

Polas moitas entrevistas que se lle teñen feito nos últimos tempos —nunca foron suficientes— sabemos do fastío que a Isaac lle provocaba verse coma un pintor aloumiñado pola burguesía e as elites do momento. O avoengo familiar e intelectual de Isaac era radicalmente oposto, e estaba fondamente enraizado nas ideas galeguistas e transformadoras —libertarias no seu caso— das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos.

Para os que agora estamos decotío ao pé do prelo, presenciando coa mesma fascinación de hai séculos como a tinta se imprime sobre o papel, imaxinalo a Isaac, aínda mozo, compoñendo e ilustrando os carteis do Estatuto do ano 36, e ao carón de homes coma o seu pai Camilo Díaz Baliño, Anxel Casal —paseados os dous— ou Castelao, fainos sentir nostalxia do país que puido ser e que non deixaron —ilexitima e violentamente— que fose.

O quefacer de Isaac no eido do deseño foi radicalmente visionario. O seu labor como intelectual —home de ideas— e empresario ten sido, en xustiza, recoñecido e admirado. Porén, no que a súa obra adquire connotacións en verdade singulares, e con certeza modernas, é cando se analizan as súas ideas sobre o deseño e se comproba a capacidade que atesorou para levalas a bo termo.

Dende un ollar máis amplo, en tempo e espazo, non limitado só ao contexto galego, a creación do Laboratorio de Formas xunto a Luís Seoane no ano 1963, e a súa consolidación posterior, supón, por varias razóns, un fito excepcional.

Nuns anos de absoluta e obrigada autarquía intelectual, que tanto Isaac coma Seoane asimilaran como fixeron as ideas transformadoras das vangardas de comezos do século XX, resulta, cando menos, sorprendente, e da boa conta do seu compromiso con Galicia. A incorporación decidida da dimensión social da modernidade ao ideario do Laboratorio de Formas —tal e como apuntaron no seu Manifesto— supón entroncar o conxunto das súas actividades nunha liñaxe intelectual, en moitos aspectos de plena vixencia, que vai dende as vangardas rusas, pasando pola Bauhaus, ata chegar á Escola de Ulm.

Se no momento actual a teoría e a historiografía internacional do deseño está revisando e recuperando os postulados da modernidade, despois duns anos de ambiguidade formal posmoderna , con certeza que Isaac e Seoane merecen estar nun lugar destacado nas historias sobre o deseño que se estean a escribir. A moi extensa producción de obradoiros, seminarios, cursos, conferencias e relatorios recollidos nos cadernos do Laboratorio de Formas, conforman, sen dúbida, o mellor crédito posible.

O caderno do seminario de estudos cerámicos de Sargadelos, escrito por Isaac en 1976 co título “Contribución de urgencia al entendimiento de los problemas de arte/industria” debería ser, aínda hoxe, de lectura obrigada en todas as escolas de deseño e arquitectura, galegas, e non só.

No Manifesto do Laboratorio de Formas, Isaac e Seoane, tamén anticipan e expoñen a necesidade de resolver, dende Galicia, algo que cincuenta anos despois segue ocupando moitos dos debates actuais sobre deseño: se o destino da humanidade é univocamente global, de qué maneira podemos seguir comunicándonos sen perder "os signos do noso sistema propio de expresión". Deste xeito nidio afirmaron que a linguaxe de formas herdadas dun territorio (artísticas, visuais, artesanais ou industriais) é un código de comunicación e entedemento entre persoas ao mesmo nivel que a fala ou a escrita, e cómo a súa perda, promovida polos intereses impostos do consumo obsolescente, nos inhabilita para poder ter unha voz propia e orixinal.

A actividade de Isaac, como empresario en Sargadelos e en Cerámicas do Castro, ao fronte do Seminario de Sargadelos, de Edicións do Castro, do Laboratorio de Formas, do Museo Carlos Maside ou do Instituo Galego da Información, é tamén unha celebración feliz do valor do colectivo, un relato sobre a esperanza e sobre a posibilidade de transformación da realidade por medio da acción, ademais dunha posta en valor, e unha demostración vital, da confianza nas capacidades do grupo e da reunión dos 'bos e xenerosos'.

E, sobre todas as cousas, quizais o valor do traballo de Isaac Díaz Pardo, mestre para todos os que deseñamos, resida, e máis no momento actual, na vontade de facer, de facer ben, "porque me deu a gana". E quixo, e fixo.

desescribir

Galicia, 5 de xaneiro de 2012

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar) Corredoira das Fraguas, 92 15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421 Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

É membro da

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.