Preséntase La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936
O pasado martes presentábase no campus de Ourense La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936. A publicación, que está coordinada pola catedrática María Victoria Carballo-Calero e Jorge Varela, é o resultado do traballo desenvolvido polo grupo de investigación AH2 do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da Universidade de Vigo do que ambos forman parte e no que tamén participan Mercedes Bangueses, Susana Cendán, Ángel López, Marta Filgueira, Marta López e Roberto Vázquez.
A obra recompila 664 ilustracións que dan unha idea acerca de cal era panorama da ilustración gráfica en Galicia no período que vai de finais do XIX ata o estalido da guerra civil e ademais de na súa versión en papel, o inxente traballo de inventariado e catalogación dos fondos da ilustración galegos levado a cabo polos investigadores está accesible na web do proxecto: http://webs.uvigo.es/ilustracionengalicia/index.php
Con este libro e mais coa web, o grupo de investigación AH2 non só pretende contribuír á difusión das ilustracións dos libros galegos da época, senón tamén dar a coñecer o traballo e os nomes de todos eses profesionais implicados nas distintas vertentes do proceso de edición: ilustradores, editores, impresores, deseñadores, etc., sen o labor dos cales, as palabras dos escritores non terían visto a luz nunca.
Con motivo da publicación do libro, hoxe e mais o 10 de novembro, o Centro de Desenvolvemento Novacaixagalica acolle as xornadas Ilustración gráfica, imprenta e arte de vangarda. Nelas, o primeiro día Andrés Trapiello, poeta e escritor, falará sobre a Imprenta moderna. Tipografía e literatura en España, e Juan Manuel Bonet, escritor e crítico de arte, afondará nos Impresos de vangarda en España 1912-1936. O 10 de novembro seguiralle Valeriano Bozal cunha intervención sobre Ilustración gráfica e arte de vangarda.
