Preséntase o FEED 2013
Hoxe ás 12.30 h no Centro Galego de Arte Contemporánea presentouse ante os medios o foro de edición e deseño, FEED 2013, organizado pola Asociación Galega de Deseñadores para os vindeiros 18 e 19 de outubro.
Hoxe ás 12.30 h no Centro Galego de Arte Contemporánea presentouse ante os medios o foro de edición e deseño, FEED 2013, organizado pola Asociación Galega de Deseñadores para os vindeiros 18 e 19 de outubro. Na presentación oficial, os membros da DAG, Marcos Dopico e Raquel Boo, coordinadora ademais do evento, estiveron acompañados de Jacobo Sutil, director de Agadic, entidade que co seu apoio e patrocino fixo posible que unha nova edición daquel feet que botaba a andar a finais de 2010 vexa agora a luz. Nesta nova edición, o feed non só muda o t polo d, senón que tamén se amplía e se reformula para lle dar cabida ao deseño industrial. Deste xeito, o foro articularase en dúas xornadas: a primeira delas dedicada ao deseño gráfico e editorial e a segunda ao deseño de produto. Canto ao seu desenvolvemento, cada un dos días arrancará coa celebración dun seminario de prazas limitadas. O primeiro, que leva por título “Algunhas prácticas sobre a forma do libro”, seráimpartido por César Ávila, de gráfica futura, un estudio madrileño que leva máis de 15 anos especializándose no traballo editorial. Para o segundo dos seminarios, de nome “Cada tolo coa súa teima. Unha obxecto e unha manía”, contaremos coa presenza de Héctor Serrano, un deseñador de produto valenciano que desde que abriu o seu estudio en Londres hai xa 13 anos se caracteriza sobre todo por mesturar innovación e ideas familiares nos obxectos que deseña. As tardes dedicaranse ás charlas, e ademais de aos deseñadores citados poderemos escoitar a unha importante representación do deseño galego actual: Uqui Permui, cenlitrosmetrocadrado, Pancho Lapeña e Fruto DS, dado que un dos obxectivos principais do FEED é a posta en valor do deseño galego de calidade e a promoción dos deseñadores e deseñadoras que o realizan. Por último, cada xornada pecharase cunha actividade participativa, unha mesa redonda na que se debaterá sobre os procesos produtivos e o futuro da edición de libros e produtos. Están convidados a participar xunto cos protagonistas das charlas: Carlos Figueiras de Estaleiro Editora, Juan Carlos Pichel de eurográficas, Patricia Martínez de Arturo Álvarez e Luis Gil Pita de Undo Redo. As mesas estarán moderadas por Suso Vázquez de desescribir e Xènia Vilads, consultora en xestión do deseño en XVDMC. Os interesados en asistir ás diferentes actividades deste FEED 2013 poden adquirir a súa entrada contactando coa asociación a través do correo info@asociaciondag.org, indicando a modalidade de asistencia que desexan. As distintas categorías e prezos están recollidos na páxina web do evento: feed.asociaciondag.org
Foto do acto de Conchi Paz
Dossier informativo:
