Rías Baixas. Territorio gastronómico premiado cun Gourmand Cookbook Award España
A publicación Rías Baixas. Territorio gastronómico que coordina Uqui Permui e Marta Lucio e edita a Deputación de Pontevedra acaba de ser recoñecida co Gourmand Cookbook Award España na categoría de mellor libro de cociña local.
O libro descóbrenos a través das entrevistas de Manuel Gago e Jorge Guitián aos cociñeiros Alberto González de Silabario, Rafa Centeno de Maruja Limón, Iñaki Bretal e Roberto Filgueira de Eirado da Leña, Pablo Romero de Allo e Aceite, Pepe Solla e Xosé T. Cannas de Pepe Vieira, Yayo Daporta e Antonio Botana de Pandemonium e Javier Olleros de Culler de Pau, un territorio gastronómico e desvela algunhas das claves da cociña que se está a facer nas Rías Baixas neste momento. Ademais destas conversas, a obra recompila tamén textos divulgativos, receitas e as fotografías de Francesc Guillamet. Este premio clasifica o libro para participar na final dos Gourmand Cookbook Award que en marzo se celebrará en París e que cada ano premia as mellores publicacións sobre gastronomía do mundo.

