Menu
  • Acerca da DAG
  • Novas
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
noticias socios/socias
22 de abril 2025

Pensarmos futuros sustentables, Semana da Creatividade en Pontevedra

Cinco días de actividades centradas nas principais liñas do proxecto de especialización do Campus Crea, abertas para toda a cidadanía, abordarán a creatividade nun sentido transversal e interdisciplinario.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Imaxe da Semana Creativa do Campus Crea de Pontevedra, UVigo

Esta edición da Semana da Creatividade, que terá lugar entre o 21 e 25 de abril en varias localizacións de Pontevedra, ten por eixo temático a sustentabilidade e inclúe charlas, obradoiros, coloquios, un ciclo de cinema e unha exposición.

Os relatorios, que versarán sobre a sustentabilidade desde distintos ámbitos da creación, estarán protagonizados pola deseñadora de moda e investigadora Elisa Palomino, o profesor Carlos Rodríguez Méndez da Facultade de Belas Artes da Universidade de Salamanca e o director de SODS Estudio Manuel Heredia Pérez.

O coloquio, Isto é un colexio, reunirá dúas das principais figuras da industria publicitaria en España, Toni Segarra e David Caballero, e será conducido por Julián Abad, presidente de Creatividade Galega. Na outra mesa, Deseño e sociedade: inclusión e identidade, intervirán as deseñadoras Raquel Boo, socia de DAG, e Zeltia Iglesias, xunto coa profesora Silvia García.

Están programados catro obradoiros, que manteñen aberta a súa inscrición ata cubrir prazas no correo xes.crea@uvigo.gal. O primeiro, impartido pola artista gráfica Maritza Berttollini, permitirá iniciarse na creación dun libro téxtil a través do bordado e do colaxe; o segundo, a cargo de Bruno Almeida, abordará o deseño colaborativo; o terceiro, conducido por Elisa Palomino, tratará sobre materiais sustentables; e o último, desenvolvido polos investigadores da Facultade de Belas Artes Julio Catalán, Álex Fuertes e Andrea Otero, centrarase na recollida e reemprego de materiais de refugallo en obra artística.

Entre as iniciativas desta Semana CREA atópase tamén o ciclo de cinema Sobrevivir, coordinado por Suso Novás, codirector do Festival Novos Cinemas, cunha escolma de filmes, que se proxectarán nos meses de abril e maio e que poñen o foco no ser humano como parte dun ecosistema, non só ambiental, senón tamén social ou económico.

O venres, 25 de abril, ás 20.00 h, na sede da Asociación Kentada inaugurarase a exposición Las hierbas que él arrojó cos traballos realizados durante o obradoiro previo.

A Semana da Creatividade está promovida polo Campus Crea e conta co apoio da Deputación de Pontevedra para a súa realización.

Programa completo
Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar) Corredoira das Fraguas, 92 15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421 Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

É membro da

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.