Temos unha nova socia na DAG. Benvida!
Como xa vén sendo habitual, velaquí a presentación da nova deseñadora da DAG.
Ola a todos. Chámome Iria Fernández, teño 22 anos e vivo en Pontevedra. Nacín no interior de Galicia, nunha aldea chamada Puxallos. Rematei a carreira de Grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto (Universidade da Coruña) en xullo de 2013, tendo colaborado en proxectos con Seat Centro-Técnico, con GOAT Longboards e mais co Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia.
A miña intención no medio prazo é, tanto a nivel persoal coma profesional, ir fóra a aprender para ter unha visión perimetral do que acontece no mundo do deseño, co obxectivo de encamiñar a miña carreira. Con todo, non quero tirarme ao río sen saber nadar, por iso pretendo a través da DAG coñecer xente do gremio, así coma a situación do sector no momento actual dende unha óptica profesional, e comezar a formar parte del.
Aquí vos deixo un enlace para ver un pouco do meu traballo
E espero que poidamos vernos pronto nalgunha actividade. Un pracer formar parte da asociación.
