Unha desoñadora máis na DAG
Tiñamos dous, Carlos e Noelia, e hoxe recibimos a Susana, a terceira. Moitos de vós xa a puidestes coñecer en persoa na asemblea xeral da DAG deste ano, cando os tres nos abriron as portas do seu estudio e nos trataron tan marabillosamente ben. O resto tedes agora unha magnífica ocasión.

Ola!
Son Susana, traballo como deseñadora en Desoños e estou encantada de terme unido á DAG.
Cando estudaba pasaba o día mergullada en revistas, libros e sitios web, descubrindo o que para min era un novo modo de ler a vida. É algo que boto en falta; cando traballamos tendemos a facer máis buscas concretas e deixamos de navegar sen rumbo. É máis produtivo, pero perdemos a aventura de descubrir novas illas polo camiño.
No FEED 2015 tiven a oportunidade de coñecer a outros profesionais, uns xa admirados dende hai tempo, outros totalmente descoñecidos para min; foi unha moi grata experiencia que espero poder repetir pronto.
Penso que o labor da DAG é imprescindible, tanto para os estudantes e profesionais como para pór en valor o deseño como disciplina necesaria para o desenvolvemento de Galicia.