V Congreso Internacional de Tipografía de Valencia
Cada vez falta menos para o V Congreso Internacional de Tipografía de Valencia, que co título de Máis alá da tinta se celebrará os días 29 e 30 xuño e 1 de xullo de 2012. Entre os conferenciantes deste ano xa se confirmou a presenza de Christian Annyas, Petr van Blokland, Dave Crossland (patrocinador da Open Font Library) Gustavo Ferreira (Hipertipo), Roman Gubern, Dylan Kendle (membro de Tomato), Hilary Kenna (no proxecto Lecturer in Design & Digital Media at IADT), Julio Sanz, Gerard Unger, Flan, Jordi Embodas, Diego Areso e Jordi Patau. Sábese tamén que durante os días previos: o mércores 27 e o xoves 28 de xuño se desenvolverán diversos talleres especializados en tipografía, aínda que de momento na web do congreso só está dispoñible a información relativa ao obradoiro: Da tinta ao consumidor, que impartirá Ale Pau. Ademais das conferencias e obradoiros, paralelamente á celebración do congreso está prevista arealización dun mercado tipográfico, un espazo concibido para que os creadores dalgún tipo de peza ou produto relacionado coa tipografía promocionen ou vendan os seus produtos e para que aqueles que gustan da tipografía poidan achegarse ao último que se está a cocer neste ámbito e descubrir novas propostas ou ideas tipográficas. O prazo de inscrición segue aberto, así que todos os interesados aínda estades a tempo de inscribirvos. A tarifa é de 220 euros para o público en xeral e 100 euros para os estudantes. Non obstante, aos socios da DAG, así como aos doutras asociacións de deseñadores, aplicáselles un desconto e só terán que aboar 180 euros pola inscrición.
Máis información na páxina do congreso: http://www.congresotipografia.com
